Recursos específicos do programa de doutoramento
Desde a súa implantación, as actividades do programa están centralizadas na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, situada no centro da cidade. Esta facultade pon ao dispor da titulación todas as instalacións e servizos necesarios: aulas, aula informática, talleres técnicos, biblioteca, salas de reunións e despachos. Para os actos de lectura e defensa de tese está habilitada unha sala específica cos medios técnicos necesarios tanto para o desenvolvemento da propia defensa (computador, proxector de vídeo) como para, de ser necesario, poder realizar os actos de defensa de tese en modo totalmente remoto ou semipresencial.
A xestión administrativa do Programa está a cargo da área Académica da Facultade de Belas Artes, servizo situado no mesmo centro e que actualmente conta cunha dotación de dúas persoas. Así, a citada facultade considérase centro de adscrición do alumnado para os efectos de trámites administrativos e de representación estudantil.
Recursos materiais e servizos centralizados
O programa dispón de recursos institucionais materiais e virtuais da Universidade de Vigo de forma centralizada, nas dependencias institucionais dos tres campus (Ourense, Pontevedra e Vigo), e descentralizada, tanto nas facultades e escolas como nas estruturas de investigación (centros e institutos de investigación, centros de soporte).
Entre os recursos centralizados son destacables (non exhaustivo):
- Infraestrutura dixital e de conectividade: Identificador personal, correo, wifi / conectividade no campus, servizos de arquivo/disco privado virtual, aloxamento web, servizo DNS, servizos audiovisuais, videoconferencia tradicional e masiva (AccessGrid) e multimedia, UVigo-TV
- Plataformas de teledocencia: MOOVI, Campus Remoto.
- Recursos de comunicación e divulgación xenéricos: UVigo-TV, reservas de espazos institucionais, redes sociais...
- Biblioteca Universitaria: Ofrece un amplo conxunto de recursos de información, espazos e servizos para dar soporte ás actividades de aprendizaxe, docencia e investigación.
- Recursos financeiros: Bolsas e axudas, así como posibilidades de financiamento (contratos) da carreira investigadora e soporte á mobilidade.
- Recursos ligados á produción científica (Portal da investigación), á transferencia de coñecemento (Oficina de I+D) e á difusión da investigación.
- Recursos formativos e de desenvolvemento profesional: Recursos lingüísticos, supervisión e mentoría, formación continua.